panga panga

Panga, o novo Satán?

O biólogo Antonio Figueras, director do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo, analiza a polémica con este peixe

En outubro de 2010 publiquei unha entrada sobre o/a Panga que se denominaba: Panga. ¿comer o no comer? Esta especie entrou no mercado español con forza nos inicios da crise económica. É lóxico: case non ten espiñas, non necesita dunha especial preparación, ten poucas graxas e calorías, a súa  carne branca e zumenta combina con todo, adoita gustar e sobre todo é moi barato. Pero esta semana unha gran cadea de distribución de alimentos suspendía a súa comercialización de xeito preventivo. Previamente, este peixe xa deixara de ser comercializado pola multinacional noutros países como Francia ou Bélxica por motivos similares.

 
 

“A (OCUvén de publicar un informe e responde a motivos ambientais como «a contaminación da auga causada polo esterco e os restos de alimentos» na zona do río Mekong, en Vietnam, de onde procede o 90 % do panga que se consome en Europa.”

Pero, ¿se pode comer ou non?

En principio pasou os controis establecidos e que se levan a cabo regularmente con todos os produtos, non só os alimentos. Por esta razón non ten porque producir dano ao consumidor. Para iso está a Axencia Española de Consumo, Seguridade Alimentaria e Nutrición e a European Food Safety Authority. Curiosamente non atopei nada sobre panga nas dúas webs…

Os exemplares que chegan á mesa proceden de granxas acuícolas asiáticas, principalmente vietnamitas, nas que hai máis peixes que auga. É barato porque rende moi ben en granxa, e engorda en pouco tempo. A panga é criada en caixas flotantes nas mesmas charcas e ríos, e resulta moi rendible para os empresarios (que fundamentalmente son vietnamitas). A calidade das augas na que se cultiva oscila entre aceptable e mala e de aí en adiante a “prevención”

As comercializadoras sinalan que a calidade do produto é ‘impecable’, pero son moitas as asociacións de pais e nais que teñen pedido a retirada da panga dos comedores escolares. A resposta do Ministerio, con todo, foi clara: “España non recibiu ningunha alerta sanitaria nin alimentaria en relación ao panga.”

¿É só unha cuestión sanitaria ou hai outros intereses?

Xa en 2010, fai sete anos, o diario 20 Minutos publicaba distintos artigos sobre os problemas comerciais que a panga ocasionaba.

“O sector español está en armas contra este peixe. A troita foi unha das grandes prexudicadas. Tamén os peixes de mar de carne branca, como a pescada. Os titulares nos que os armadores se queixan de competencia desleal ou sospeitan que este peixe non cumpre os controis sanitarios son cada vez máis frecuentes.”

Os armadores galegos pedían á Xunta que non se servise panga en colexios, hospitais  e centros públicos. Daquela, hai xa sete anos, a Xunta anunciou que establecería unha liña de investigación sobre a seguridade do peixe panga que se comercializase en Galicia.

E como é barato e seguimos en crise, no 2015 a Unión Europea liderou as importacións desta especie e España foi o país que máis panga importou, segundo a Organización da ONU para a Alimentación e a Agricultura (FAO, polas súas siglas en inglés). Mesmo foi denunciado que, debido ao seu baixo custo, algúns establecementos chegaron a vender aos seus clientes panga por bacallau, pescada ou linguado.

Aínda que, como citamos anteriormente, o Ministerio de Sanidade afirma que non existe ningunha alarma sanitaria, “a Organización de Consumidores e Usuarios (OCU) vén de publicar un informe no que asegura atopar “restos de pesticidas e trazas de mercurio” en filetes de panga (e de perca). En concreto, en 4 das 23 mostras de panga analizadas atopouse trifluralina e, en algunhas, mercurio. Aínda que a OCU di que as cantidades atopadas de mercurio “non superan o límite legal de 0,5 mg/ kg”, subliña que “nalgúns casos, si alcanzan a metade desa cifra”, e lembra ademais que “o panga e a perca non se atopan na lista dos peixes que se adoitan considerar como fonte de mercurio”.

A Axencia de Seguridade Alimentaria emitiu un comunicado descartando riscos

A conclusión da OCU tamén é clara: “Recomendamos que o panga e a perca non se consuman máis dunha vez por semana”.

Esta historia leva anos dando voltas e non terminará aquí.

No 2013 a Axencia Española de Seguridade Alimentaria viuse na obriga de emitir un comunicado descartando calquera risco. O organismo xa recoñecía daquela “a presenza de residuos de trifluralina” no panga, unha sustancia con acción herbicida “cuxos usos non están autorizados actualmente na UE”, ao tempo que aseguraba que esta sustancia “non ten efectos tóxicos preocupantes a curto prazo pola súa inxesta”.

Greenpeace, pola súa banda, destaca o impacto ambiental xerado pola ‘cría intensiva’ do panga, que está “a destruír o manglar para construír máis gaiolas” de acuicultura. Estas gaiolas, segundo afirma a organización, producen contaminación polo “uso de químicos e medicamentos”.

Estando totalmente de acordo con que temos que coidar o planeta creo que é necesario salientar que para moitos dos cultivadores é a súa única fonte de ingresos e que non podemos eliminar este factor, o máis importante, da ecuación.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.