tiger 2

Os gatos galegos rosman de contentos?

En galego non temos claro como chamarlle a este son tan típico dos gatos e doutros felinos

De moitos animais sempre se di que “só lles falta falar“, ou que son coma a xente “fóra a alma“, por iso sorprende que ás veces nos enleemos ao darlles nome aos sons con que se comunican con nós ou cos seus conxéneres.

Isto vén a conto de que en galego non temos claro como chamarlle a este son tan típico dos gatos e doutros felinos, que é a súa forma de manifestar confianza e tranquilidade en relación co seu contorno (outros gatos, humanos…).

Na maior parte das linguas románicas o seu nome constrúese a partir dunha onomatopea (“ron”), que intenta reproducir ese son. Así, en castelán fálase de ronroneo (e de ronronear, para a acción de emitilo), en portugués de ronrom (e ronronar), en francés de ronron ou ronronnement (e ronronner) e en catalán de ronc (e roncar). No entanto, linguas que non proveñen do latín, empregan denominacións de orixes distintas, como o purr do inglés ou o Schnurren do alemán.

En galego, a Real Academia aconséllanos no Dicionario castelán-galego o uso de rosmar ou roñar, que tamén parecen querer reproducir o son do animal. Pero cando imos comprobar no Dicionario da lingua galega a coherencia desta recomendación batemos cunha sorpresa: na definición de ambos os verbos destácase que ese son é ‘xordo e áspero’ e que se emite cando o animal está ‘en actitude de defensa’. Se a iso lle unimos que ofrece sinónimos como gruñir, non parece que estean describindo o son que puidemos escoitar antes.

Se desbotamos, logo, o uso de calquera deses dous verbos, debemos buscar unha alternativa. E, posiblemente, a mellor sexa ronronar, unha forma documentada en galego, polo menos desde o Catecismo do labrego de Lamas Carvajal, e totalmente coherente coas formas empregadas no noso contorno lingüístico.

Resumindo: pensamos que ronrón e ronronar poderían empregarse en galego para definir ese son tan característico do gato e doutros felinos no canto das formas que neste momento se están recomendando desde os dicionarios académicos.

O SNL da USC publicou este texto no seu sitio web o 29/10/2013

4 respostas a “Os gatos galegos rosman de contentos?

  1. Filólogo

    Ler que no galego non temos claro como lle chamar ao son que fan os gatos produce unha sensación entre noxo e lástima. Quen non o ten claro????? Os chupóns do idioma, ha ser. En calquera aldea onde o idioma manteña certa vizosidade úsase RONRONAR, como acaba por recoñecer o autor do artiguiño. Claro, como é común co portugués parece que dá alerxia.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.