Xoves 28 Marzo 2024

A luz, fonte e símbolo de vida

A cor dos obxectos depende dos compoñentes da luz que estes absorben. Se un obxecto non absorbe ningún, o obxecto verase branco. Se os absorbe todos, verase negro. E se absorbe só unha parte, o obxecto verase da cor resultante dos compoñentes non absorbidos.
Os nosos campos, as plantas, as árbores, as algas mariñas vense verdes porque absorben os compoñentes extremos da luz (o vermello, o violeta) e os non absorbidos dan como resultante o verde.

Que pasa coa luz absorbida?

A curiosidade é unha das características que distinguen especialmente os científicos, pero tamén o ser humano en xeral. Esta curiosidade lévanos a preguntar se a absorción de luz por parte da materia verde da natureza ten algunha razón de ser ou é algo irrelevante, que acontece porque sí, sen máis consecuencias. Unha resposta xenérica e apriorística a esta pregunta dábanola hai máis de 2.300 anos Aristóteles, un dos tan admirados sabios gregos, cando dicía que “a natureza non fai nada en balde”. Que razón tiña! Pero a nosa resposta a esta pregunta vai ser graduada.

Publicidade

As plantas non viven na escuridade

Cando era pequeno dicíanme que as plantas non vivían na escuridade. Isto é algo que un pode experimentar doadamente e en efecto, constátase que unha planta situada na escuridade se morre. Esta observación esténdese a todo o mundo verde do que vimos falando. Polo tanto, xa temos un primeiro nivel de resposta á pregunta: A absorción de luz é indispensable para a vida das plantas.
Sen luz non habería vida no mundo vexetal. Esta conclusión, doadamente deducible da observación máis básica, lévanos a outra moito máis drástica.

Un planeta sen luz sería un planeta sen vida

Sen luz non sería posible a vida na terra, tal como hoxe a coñecemos. O propio ser humano e outros animais alimentámonos con produtos procedentes do mundo vexetal ou con carnes e produtos procedentes doutros animais, que á súa vez toman a súa alimentación do mundo vexetal. Está claro, así dino os feitos, que a luz xoga un papel decisivo. Sen luz, non habería vida na terra. Pero a nosa curiosidade continúa: Por que é tan importante a luz?

Fan falta os “lentes” do método científico?

Contestar a esta pregunta non é cousa doada. Unha vez máis a sabedoría da antiga Grecia, en boca de Aristóteles, lanzou a hipótese de que a luz solar estaba directamente relacionada co desenvolvemento da cor verde das follas das plantas, pero a gran complexidade do proceso iniciado pola luz ao incidir sobre as plantas fixo que houbese que esperar ata entrado o século XXVIII para iniciar en serio o seu estudo. Para poder penetrar e “ver” algo do que acontece no interior das follas das plantas, foi e segue sendo necesario utilizar os “lentes” do método científico, cada vez máis potente. Nestas breves liñas, destinadas a un xornal, habémonos de contentar cunha visión global, moi sinxela, pero ilustrativa dos resultados obtidos.

A fotosíntese

As plantas toman da terra, a través das súas raíces, auga e sales minerais, que soben ata as follas en forma de zume bruto e chegan aos cloroplastos, das células. Alí chegan tamén a luz, procedente do Sol, e o CO2, procedente do aire do ámbito. Alí, nos cloroplastos, concretamente nos tilacoides, encóntranse ademais as clorofilas, os pigmentos capaces de absorber a luz e, nos estromas encóntranse, xunto co CO2, tamén outras substancias que, a xeito de encimas catalizadoras, participarán no proceso. Así pois, todo está preparado, todos os ingredientes se encontran neses dous “departamentos” dos cloroplastos, auténticos laboratorios nos que se vai producir o “milagre natural”, esa marabilla da natureza que coñecemos como fotosíntese. Un proceso prodixioso que se vén levando a cabo, a nivel masivo, todos os días do ano, dende hai moitos millóns de anos, nesa xigantesca planta industrial, formada por un número incontable de unidades, as células das follas, en que, de modo espontáneo, se converteu a natureza.
A curiosidade lévanos a preguntar agora, que acontece aí realmente?
Con axuda da luz e a colaboración doutras substancias intermedias prodúcense hidratos de carbono (azúcares), a partir de auga e de dióxido de carbono, con desprendemento de osíxeno. O zume bruto convértese así en zume elaborado, que se expande por toda a planta. Polo tanto, sintetízase materia orgánica, os hidratos de carbono, a partir de substancias inorgánicas, auga e dióxido de carbono, con axuda da luz. É a fotosíntese:
 
                         H2O + CO2 + Luz                             CnH2nOn + O2
 
 
raio3
A materia orgánica é indispensable para a vida das plantas e para a nosa. Pero ademais, no proceso despréndese osíxeno, necesario para a respiración e consúmense cantidades moi importantes de CO2, responsable principal do efecto invernadoiro.
Que sabia é a natureza! Á vez que xera alimento para as plantas, subministra osíxeno e elimina dióxido de carbono, todo iso nun equilibrio que só a insensatez do ser humano se encarga de destruír.

Un proceso complexo

Este proceso global transcorre en dúas fases, unha que require a concorrencia da luz (luminosa) e outra que xa non require luz (escura). Ambas as dúas fases son complexas. A fase luminosa acontece nos tilacoides e nela as moléculas de clorofila absorben a enerxía luminosa que transporta a luz e pasan así a niveis de enerxía máis altos. Nuns casos esta enerxía utilízase para descompoñer a auga con desprendemento de osíxeno e á vez noutros para producir substancias necesarias na fase escura. A fase escura ten lugar nos estromas a expensas dos resultados da fase luminosa e nela ten lugar basicamente a transformación do CO2 en hidratos de carbono, con produción de enlaces entre átomos de carbono. A enerxía luminosa, indispensable para que todo isto aconteza, transformouse, ao final, en enerxía química.
É esta unha descrición simplificada e sinxela dun dos papeis máis importantes dos moitos que desempeña a luz. A natureza sempre vai por diante. Pasaron moitos millóns de anos ata que o ser humano foi capaz de instrumentar o método científico e varios séculos logo para chegar ao coñecemento actual, que terá que seguir sendo actualizado continuamente con novos avances. Unha boa lección de humildade para os que, ás veces, nos cremos sabelo todo, cando en realidade ignoramos moito máis do que sabemos.

Epílogo

Merecida é a homenaxe á luz. Ilumina o noso ámbito para que poidamos gozar del e fai posible a vida no planeta, nun alarde de sabedoría que ata ao ser humano intelixente lle custa traballo descubrir.
No plano simbólico a luz é símbolo da ciencia que nos permite penetrar e “ver” as innumerables marabillas que encerra a natureza. A ciencia é luz. Pero a luz é, sobre todo e en todas as culturas, merecido símbolo de vida. Na cultura cristiá o cirio pascual é a luz que simboliza a vida nova que Xesucristo trouxo ao mundo, garantida coa súa Resurrección.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Begoña Vila: “Atoparemos probabilidades de vida noutro planeta”

Co gallo do décimo aniversario de Gciencia, a astrofísica da NASA analiza a divulgación dos achados cósmicos e a busca de vida intelixente
00:01:01

A dramática escena dunha nai delfín que nada xunto a súa cría morta na ría de Vigo

O pequeno arroaz apareceu posteriormente varado na enseada de Cangas e foi retirado para a realización dunha necropsia

As baleas déixanse ver nas costas galegas: avistado un rorcual alibranco en Cangas

Os expertos explican que os xigantes do océano navegan nas augas de Galicia todo o ano, aínda que agora se concentren máis para alimentarse

A natureza ábrese paso na Serra do Courel, arrasada polo lume hai un ano

Os expertos subliñan a necesidade de definir unha estratexia de recuperación do monte consensuada cos propietarios da terra