Sábado 20 Abril 2024

A cor verde dos nosos campos

É un día de primavera ao caer da tarde e estamos no campo, nun de tantos lugares fermosos que tan xenerosamente nos ofrece a natureza nesta Galicia verde.
A luz dun Sol que non molesta e o ilumina todo apraciblemente, interacciona cos diversos obxectos cos que se encontra e estes reemítena. Cando esta luz chega aos nosos ollos, procedente dos obxectos aos que miramos, impresiona a retina, que transmite a información ao cerebro. Así vemos os obxectos e contemplamos a enorme beleza do que nos rodea.

Que vemos?

Mirando a noso arredor, observamos un gran fondo verde, formado por unha pradaría, por arbustos e por árbores diversas, pinos, carballos, castiñeiros…. Na pradaría, vemos flores amarelas, cor laranxa, vermellas, azuis… violetas… Unha bandada de paxaros, que vai de rama en rama, anima cos seus trilos a escena, á vez que, ao lonxe, se divisan as siluetas dalgunhas ovellas e vacas, que se alimentan coa herba da pradaría.
Distintas formas de vida, que deleitan e calman o noso espírito, concorren neste espazo policromático, no que predomina o verde e no que a luz será protagonista.
Todo parece indicar que aos nosos ollos chega luz de distintas cores.

Publicidade

Hai cores na luz?

arco-da-vella-australiaA resposta a esta pregunta está no horizonte. En efecto, alá lonxe, ao fondo, divisábanse unhas nubes que, nun momento, descargaron unha choiva fina. No ceo apareceu, de súpeto, unha franxa formada por unha sucesión de cores que ían do vermello ao violeta, pasando polo laranxa, o amarelo, o verde, o azul, e o índigo. Unha franxa que debuxaba no ceo un arco de beleza espectacular, que tanto nos impresionaba cando eramos nenos.
É o fenómeno meteorolóxico ben coñecido como arco da vella, que de cando en vez nos sorprende gratamente. Resulta que a luz si contén cores.
Cando todas estas cores se superpoñen e se mesturan, dan como resultado o branco. Pero cando a luz branca atravesa as gotiñas de auga da choiva, estas teñen a virtude de separar as cores compoñentes da luz branca, que así pódense ver unha tras outra.
prismaEste fenómeno de separación das cores da luz pódese producir no laboratorio ou na casa, facendo pasar a luz branca a través dun prisma de cristal.
A luz refráctase, é dicir, cambia lixeiramente de dirección ao pasar dun medio a outro (do aire ao cristal e do cristal ao aire), como consecuencia de que se propaga con distinta velocidade nun e outro medio. Esta desviación aumenta ao ir do vermello ao violeta, producindo a separación das cores compñentes da luz, o espectro.
No caso do arco da vella, as gotas de auga fan as veces do prisma.

Por qué algúns obxectos se ven de cores?

É, sen dúbida, porque a luz que chega á nosa retina, procedente deses obxectos, non contén todas as cores, senón tan só os compoñentes da cor que se percibe. Pero se a un obxecto chega luz branca procedente do Sol e del saen só algúns compoñentes desa luz (os que definen a súa cor), iso significa que os outros compoñentes quedan retidos no obxecto observado.
Iso acontecerá cando as substancias químicas que forman o obxecto observado absorban os outros compoñentes da luz branca.
Os obxectos vense de cores porque conteñen substancias químicas que absorben algún compoñente da luz branca. A cor que se ve será a resultante dos compoñentes non absorbidos.

A cor verde da pradaría

Pola súa especial transcendencia, quero poñer atención á cor verde típica do mundo vexetal e que, por fortuna, é tan abundante en Galicia. O gran fondo verde que observamos débese a que a herba, as matogueiras e as follas das árbores, conteñen unas substancias químicas, que chamamos pigmentos, sobre todo unha chamada clorofila. Estas substancias absorben os compoñentes extremos da luz, o vermello, o laranxa…, o azul, o violeta,  reemitindo o resto, que a través dos ollos vemos como verde.
Que pasa coa luz absorbida neste caso? A natureza é unha caixa de sorpresas. Será una fonte de vida. Verémolo.
O Sol e as substancias que integran os obxectos do noso, entorno, nun alarde de sabedoría, bríndannos unha gran sinfonía de luz, cor e vida, que temos que saber interpretar, gozar e valorar.

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un tren de borrascas regará Galicia durante toda a semana

As precipitacións de principios de abril virán acompañadas dun importante ascenso térmico a partir do mércores

A primavera comeza este mércores despois do cuarto inverno máis chuvioso do século XXI

Neste mes será posible observar con prismáticos o cometa 12P/Pons-Brooks, segundo o coordinador de investigación do Observatorio Astronómico da USC, José Ángel Docobo

Un río atmosférico cargado de humidade regará Galicia na segunda metade da semana

Unha borrasca situada en Irlanda deixará acumulados de ata 100 l/m2 no sur da provincia da Coruña e en Pontevedra

Un Fin de Ano pasado por auga? Esta é a predición para Galicia

Unha fronte deixará precipitacións xeneralizadas na noite do 30 ao 31. O resto de días agárdanse xornadas secas con algunha chuvia ocasional