Millo transxénico da multinacional Pionner.

Millo transxénico da multinacional Pionner.

Transxénicos. A quen facer caso?

Millo transxénico da multinacional Pionner.

Millo transxénico da multinacional Pionner.

Dende hai algún tempo, nalgunhas cidades celébranse os chamados Mercados Tradicionais, tamén denominados Mercados de Alimentos Labregos. Trátase dunha versión urbana das feiras que se veñen celebrando, dende toda a vida, nas diferentes vilas galegas. Podemos atopar patacas, verduras, mel, legumes, marmeladas, queixos e outros produtos que son vendidos directamente polo seu produtor, sen intermediario ningún. Amais disto, todos estes alimentos véndense baixo a etiqueta de orgánicos.

España é o país de Europa que máis transxénicos cultiva e, segundo a organización ecoloxista Greenpace, máis do 67% dos ensaios experimentais realízanse nos nosos campos. En Galicia viamos, hai pouco, como se denegaba o permiso para as fumigacións aéreas de flufenoxurón contra o gurgullo do eucalipto. O uso deste pesticida, catalogado como tóxico e prohibido pola Unión Europea dende o 1 de xaneiro de 2013, podería ter causado a morte das abellas e animais acuáticos da zona, ademais de contaminar os cursos de auga que regan os cultivos.

Os transxénicos, ou organismos xeneticamente modificados (OXM) están relacionados, segundo especialistas coma o francés Gilles-Eric Séralini, co cancro e con enfermidades hormonais, metabólicas, inmunitarias, nerviosas e reprodutivas. Como se isto non fose dabondo, o pasado mes de abril fíxose público que o herbicida máis utilizado do mundo fora atopado no leite materno das mulleres norteamericanas, dato relevante tendo en conta que Estados Unidos é un dos maiores produtores de cultivos transxénicos.

Existen plataformas cidadás e movementos sociais moi activos que loitan contra a elaboración e comercialización destes produtos e mesmo concellos, como o pontevedrés de Lalín, declaráronse Zona Libre de Transxénicos.

Non falta quen pense que detrás de todo está o poder financeiro das grandes multinacionais do sector, que co seu poder económico fan calar moitas voces primando os resultados bolsistas sobre o ben común. Así, Greenpace afirma que “a pesar do gran potencial que ten a bioloxía molecular para entender a natureza , isto non pode ser utilizado como xustificación para converter o medio ambiente nun xigantesco experimento con intereses comerciais”.

Pola contra, estas mesmas empresas deféndense tachando aos seus críticos de involucionistas e de agochar feitos ao público. O argumento de que a mellora da especie é inherente ao home desde as súas orixes é unha constante no seu discurso. Primeiro a domesticación e logo o avance das especies animais así como a evolución nos cultivos e nas especies tradicionais, sérvenlles para demostrar o acertado das súas accións. Argúen que o que perseguen coas súas investigacións é incrementar a produtividade elaborando cultivos resistentes ás pragas para, deste xeito, facilitar, por unha banda, o traballo dos agricultores e, por outra, o sustento dunha poboación cada vez máis necesitada de maiores recursos. Nesta liña, botan man das estatísticas para explicar que de aquí ao ano 2050 hai que aumentar a cantidade de alimentos producidos en máis dun cincuenta por cento, xa que se estima que, para aquel entón, seremos máis de nove mil millóns de persoas. Asemade, rexeitan a idea de que utilizan os países non desenvolvidos como campo de ensaio para os seus tratamentos, expoñendo que nacións do primeiro mundo, como Estados Unidos ou Canadá, son das maiores produtoras de cultivos transxénicos.

Tampouco faltan as voces expertas que avoguen polo uso dos transxénicos. Así, a Pilar Carbonero, catedrática de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Escola Técnica Superior de Enxeñeiros Agrónomos de Madrid, a oposición aos alimentos transxénicos parécelle un tabú que hai que romper, xa que esta mesma tecnoloxía aplicada á obtención de medicamentos se admite sen problema ningún. Un exemplo sería a insulina que se inxectan os diabéticos e que é produto da enxeñería xenética en bacterias. Esta mesma autora, que tacha á agricultura biolóxica de “capricho de nenos ricos” entende que esta “é a que practican os pobres na África subsahariana porque non teñen cartos nin para mercar boas sementes, nin para fertilizantes nin para auga”.

Outro dos defensores acérrimos dos transxénicos é o tamén catedrático de Bioquímica e Bioloxía Molecular da Universidade Politécnica de Madrid, Francisco García Olmedo. Afirma que é imposible solucionar problemas do futuro volvendo a técnicas do pasado e que a agricultura foi contraria ao medio ambiente dende o mesmo momento no se que inventou. “E é tanto máis contraria canto máis primitiva”, conclúe.

Os científicos pro transxénicos resaltan, no seu conxunto, que o perigo para a saúde está estudado totalmente en todos e cada un destes produtos e que son os que maior número de controles pasan, superando incluso aos considerados biolóxicos ou orgánicos.

Ante tal disparidade de opinións, na súa meirande parte contrarias, sobre os prexuízos ou beneficios dos alimentos transxénicos, decidímonos por buscar orientación nas dúas institucións supranacionais que teñen por obxectivo controlar a calidade tanto da alimentación coma da saúde: a FAO e a OMS.

A Organización das Nacións Unidas para a Alimentación e a Agricultura, FAO, asegura no seu documento “O Estado Mundial da Agricultura e a Alimentación” que ata o de agora non houbo ningún informe verificable de que os transxénicos causen algún perigo importante para a saúde ou o medio ambiente, pese ao cal tamén afirma que o feito de que non se tivesen observado efectos negativos non significa que non podan ocorrer xa que, “os sistemas regulamentarios e as persoas que os administran non son perfectos”.

Ante a vaguidade desta explicación, que máis ben nos sume nunha confusión, recorremos, na procura dunha resposta, á Organización Mundial da Saúde, a OMS. O ditame é moi similar: non se teñen demostrado riscos para a saúde humana naqueles países nos que están comercializados os transxénicos.

Así pois, podemos concluír que os transxénicos, polo de agora, mal non fan pero non sabemos se o farán.

A quen facer caso?

5 respostas a “Transxénicos. A quen facer caso?

  1. Xoán Reices

    Eu tampouco son un experto, nin sequera un principiante, pero os argumentos dos dous expertos a favor dos tranxénicos son dúas falacias do tamaño de próxima centauri. Comparar os tranxénicos coa medicina é como comparar o río co mar.

  2. Anxo

    Hola!
    A quen facer caso? Pois eu penso que unha catedrática de bioquímica e bioloxía molecular, ou se ques un catedrático de bioquímica e bioloxía molecular son unhas fontes do máis fiables.

  3. O artigo de Serallini foi retirado por incorrecto. Non existe ningún outro artigo con resultados parecidos, cando o normal en temas de saúde é que haxa moitos e que faga falla a publicación meta-análises para resumir os miles de estudos dispoñibeis. Ningún científico foi quen de replicar estes resultados.

    Os mercados tradicionais están moi ben, a min gústanme os produtos da terra, pero non hai evidencia ningunha de que alimentos idénticos obtidos mediante procedementos modernos ou tradicionais sexan distintos no seu impacto na saúde. Os OMG incluídos.

    Eu defendo os mercados tradicionais polo valor que aportan á economía rural, e porque hai moitos argumentos de gusto para preferir estes alimientos. Habendo todos este argumentos correctos dispoñibles, recorrer á falsedade de que os OMG causan enfermidades paréceme unha perda de tempo.

    • JM. Martin

      Hola Elrohir e grazas polo comentario.

      Sen decantarme a favor ou en contra dos cultivos transxénicos, o que trato de poñer de manifesto no meu artigo é a falta de orientación e, sobre todo, dunha voz autorizada, como ben poderían ser a FAO ou a OMS, que dixera aos consumidores finais se os alimentos transxénicos son bos ou malos para a saúde, hoxe e no futuro.

      Indubidablemente son moitos os intereses, de todo tipo, que se moven arredor desta industria, tanto en contra como a favor. Informes que defenden unha opción e desprestixian a outra, expertos que din descubrir novos avances ou presuízos nos transxénicos para a saúde, documentación filtrada de xeito interesado… e no medio, o consumidor.

      E precisamente como consumidor final, que non como experto que en absoluto o son, fago ese chamamento á claridade e concisión. Unha morea de opinións contrarias non axudan en nada. De aí que me preguntase, como espectador interesado na materia, a quen facer caso?

      Un saúdo.

      • M.Fonte

        O estudo que aparece no artigo de Seralini é claramente ineficaz debido á súa baixísima mostra de suxeitos, tan só se tomaron mostras a 10 mulleres en todo Estados Unidos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.