Álex, Gabriel e Mariana, a bordo do Sarmiento de Gamboa.

Álex, Gabriel e Mariana, a bordo do Sarmiento de Gamboa.

O corazón e as veas do Sarmiento de Gamboa

María é a capitá dun buque onde o persoal a bordo garante a navegación e a seguridade

Caderno de bitácora:
Atlántico Norte/ 24 de xullo de 2016
Latitude: 63,02 graos Norte
Lonxitude: 24,73 graos Oeste
Aproximadamente 5.200 kms dende o porto de saída en Vigo

Escrito a bordo por Susa Álvarez e Irene Alejo, da Universidade de Vigo

Sempre que teñas a oportunidade de ver unha embarcación por dentro, non dubides en mergullarte nos pasillos e recunchos que son tan descoñecidos por moitos. O que máis se soe visitar é a ponte de mando, ademais de ser un lugar tranquilo e con vistas de 360 graos, é onde recae toda a responsabilidade. No noso caso, María é a capitá. Muller sen antecedentes familiares no gremio decidiu estudar o que sempre lle gustou… e aquí está, dende que se inaugurou o Sarmiento de Gamboa, ela é a parte fundamental deste “cerebro” flotante. Ademais de María, nas outras quendas de traballo na ponte tamén están Arnau e Juan Carlos, como primeiro e segundo oficial. Nesta singladura os tres sempre van acompañados da mirada atenta dos tres intrépidos estudantes da Universidade da Coruña: Ilonia, Alejandro e Carlos.

Juan Carlos, Ylonia, Carlos e María.

Juan Carlos, Ylonia, Carlos e María.

Durante a quenda de traballo de Juan Carlos e Ilonia, tivemos a sorte de poder facer unha visita guiada, onde Juan Carlos con paciencia e acento gaditano, explicounos en detalle cada trebello e o seu funcionamento.

O que fai verdadeiramente especial este buque é o sistema de posicionamento dinámico (DP) onde, “dándolle a un botón”, é capaz de manterse no mesmo punto ata que se lle diga o contrario. Isto sucede grazas á simbiose que existe entre a ponte e as salas de máquinas que están na parte baixa do buque. Para a nosa mostraxe, isto é un elemento fundamental xa que nos asegura que o buque manterá a súa posición exactamente nese punto, con un rango de erro que non supera os dous metros. Hai que ter en conta, que a profundidades de 5000 metros, unha mostraxe completa da columna de auga (coa roseta) e do sedimento do fondo (coa box-corer) pode durar polo menos 6 horas.

O posicionamento dinámico permite ao barco materse nun punto fixo

Se por algo se caracterizan os de máquinas é porque se ven pouco en cuberta e tamén porque cando os ves, levan cascos nas orellas ou gafas de seguridade. Eles están metidos noutra cidade dentro do buque, alí abaixo hai máis salas e pasillos que pasan desapercibidos. Mario, o xefe de máquinas, convidounos a una ruta polo seu hábitat, explicando cada secreto do Sarmiento. Sen esta parte do buque, non podería funcionar nin tería as comodidades coas que podemos contar. É “o corazón do Sarmiento”: Tres motores diesel son os xeradores de corrente eléctrica para todo o funcionamento do buque, incluíndo os equipos científicos. Unha peculiaridade é que conta con dous motores de propulsión eléctrica que son os que moven a élice principal, isto fai que diminúa o nivel de ruído que teñen alí abaixo. Contamos con outras dúas élices máis: unha en proa, coñecida como “de volta a casa” e outra en popa, con isto a maniobra nos 360 graos está asegurada. Cousas tan obvias como é a desalinización da auga ou a eliminación de residuos tamén se xestionan neste sector do buque.

Mario e Alejandro.

Mario e Alejandro.

Un pode imaxinar as salas de máquinas cheas de graxa e óxido, con esos cheiros que che fan saír pitando á borda, pero nada máis lonxe da realidade, neste buque “poderíase comer no chan”. O equipo encargado de que todo esto funcione está integrado polo propio Mario como xefe de máquinas, Pablo é o primeiro oficial, Alejandro e Gabriel son os engraxadores e tamén hai dous estudantes en prácticas: José e Mariana. Hai que ver a ansia que teñen por aprender e desenvolverse con soltura como se eles tamén tiveran unha chea de días a bordo. É admirable que se aproveite a profesionalidade dos veteranos para formar ós estudantes.

Ó equipo de máquinas tamén acudimos cando é necesario facer algunha reparación ou axuste na draga. De feito, nos primeiros días de campaña, a nosa box-corer tivo un “aterrizaje forzoso” no fondo do océano e foron necesarios os coidados de Alejandro e Pablo para a súa rápida recuperación, da cal saíu suficientemente reforzada como para asegurarnos o éxito que estamos tendo.

Xa estamos na recta final da travesía, 37 días a bordo con máis de 100 puntos de mostraxe realizados e con ganas de pisar terra firme en Reikjavik. É probable que esta sexa unha das últimas entradas a este blog, pero se tendes curiosidade por saber en que latitude está o Sarmiento de Gamboa, podedes consultar o blog de Mario (panolgrande.blogspot.com), o cal vai actualizando periodicamente.

Pola nosa parte, xa nos despedimos, foi un pracer divulgar a ciencia para todos os públicos neste diario de abordo.

Vémonos nos portos, a primeira está pagha !

Unha resposta a “O corazón e as veas do Sarmiento de Gamboa

  1. Pilar ouviña otero

    Gracias por estas explicacions tan ven expostas
    Penso leervos sempre Aparte hoxe doi un lujo ver as fotos
    En ese barco vai un cachiño meu
    Coidadeo moito
    Gracias boa viaxe

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.