Breve mostra da fauna observada na nosa visita a Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

Breve mostra da fauna observada na nosa visita a Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

Na Reserva da Biosfera de Manu, Perú

Este vasto parque nacional e reserva da Biosfera, o Parque Nacional del Manu, protexe unha das zonas máis importantes do planeta no que atinxe a megadiversidade de especies. É unha das rexións máis biodiversas do mundo (Patterson et al., 2006)  e é posible atopar nel toda a variedade de pisos ecolóxicos que existen na Amazonia.

Os bosques tropicais do Manu lograron manterse practicamente inalterados polo home, con todo, na zona existe tamén unha enorme riqueza cultural, representada por poboacións indíxenas en diferentes niveis de contacto co exterior, e un patrimonio arqueolóxico aínda non revelado en toda a súa magnitude. No sector noroeste adxacente ao parque (e no interior) existe un número non determinado de poboacións indíxenas en illamento voluntario.

Hábitats (lacustre, fluvial, canopy) e vistas aéreas do parque nacional de Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

Hábitats (lacustre, fluvial, canopy) e vistas aéreas do parque nacional de Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

 

Dende 1977 Manu ostenta o status de Reserva de Biosfera, outorgado por UNESCO. Á súa vez, en 1987 foi declarado Patrimonio Natural da Humanidade. Está situado nas provincias de Paucartambo no Cusco e Manú en Madre de Dios, cunha extensión de 1.716.295 hectáreas. O seu principal obxectivo é protexer unha mostra representativa da biodiversidade alí presente, así como as paisaxes de selva baixa, selva alta e de montaña nos Andes do sueste peruano.

A súa grande extensión atravesa altiplanos (que exceden os 4.000 m), agrestes montañas de fragas que dan orixe a unha multitude de pequenos canóns e vales; bosques nubrados de selva alta, e finalmente á interminable chaira amazónica.

Breve mostra da fauna observada na nosa visita a Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

Breve mostra da fauna observada na nosa visita a Manu (fotos: G. Mucientes / BEC)

O Parque Nacional do Manu é o primeiro punto quente de biodiversidade do mundo para réptiles e anfibios, segundo un novo estudio publicado na revista Biota Neotropica por biólogos da Universidade de California, da Universidade de Berkeley, da Universidade de Southern Illinois e da Universidade de Illinois Wesleyan (Catenazzi et al. 2013).

Acolle 1.025 especies de aves, ao redor do 10% das especies de aves do mundo; 221 especies de mamíferos (5% do total mundial); máis de 1.300 especies de bolboretas (15% do total do globo), 136 de cabaliños do demo, 650 de coleópteros e máis de 300 especies de formigas; 210 especies de peixes en ríos e lagos (fonte: Servicio Nacional de Áreas Naturales Protegidas por el Estado); e agora 155 anfibios e 132 réptiles (287 especies) que foron rexistrados neste traballo, converténdose na área protexida máis biodiversa do mundo con respecto a estes animais.

Anteriormente este récord era ostentado polo Parque Nacional Yasuní en Ecuador, que alberga 150 especies de anfibios e 121 de réptiles (271 especies), segundo un estudo de 2010. Estiman, ademais, que o parque representa só o 0,01 por cento da superficie terrestre do planeta, pero alberga 2,2 por cento de todos os anfibios e o 1,5 por cento de todos os réptiles coñecidos no mundo.

Epipedobates trivittatus, unha das especies rexistradas no estudo e fotografada en Manu (foto: G. Mucientes / BEC)

Epipedobates trivittatus, unha das especies rexistradas no estudo e fotografada en Manu (foto: G. Mucientes / BEC)

Como di uns dos co-autores do devandito estudo “Non hai lugar no mundo onde podamos preservar tal mostra de biodiversidade”.

(momentos da nosa estancia no ano 2005)

Ecoloxía azul

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.