Venres 29 Marzo 2024

A ‘mariola’ no é (só) un xogo

Non descubro ningunha novidade se digo que algunhas especies vexetais ou animais teñen en galego ducias de nomes populares: os exemplos de Digitalis purpurea (os estraloques), de Ruscus aculeatus (o rascacú), ou de Mustela nivalis (a donicela) son ben coñecidos.

A outra mariola.
A outra mariola.

Esta realidade, que os especialistas en dialectoloxía ven como unha riqueza, pode converterse nun problema para quen redacta textos técnicos, pois o uso indiscriminado de denominacións diferentes para referirse a unha mesma especie pode dificultar a súa identificación. Para evitalo -ademais de empregar os nomes científicos, como eu fixen máis arriba- os autores acaban usando só un ou uns poucos deses nomes populares, que son os que os dicionarios de lingua acaban destacando como formas da variedade estándar.

Publicidade

Todo isto vén ao caso dos nomes galegos para a especie de peixe Ciliata mustela (ou Gaidropsarus mustela). Nos portos galegos documentáronse máis de dúas ducias de formas distintas de referirse a el; pero os dicionarios e outras fontes de referencia non deron acadado un consenso á hora de privilexiar algunha delas como a estándar. E o resultado é unha ensalada de propostas:
Sen pretender ser exhaustivos, chamóuselle anguía barbuda en guías de peixes editadas nos anos 90, bacallao de cinco barbelas no Vocabulario multilingüe de organismos acuáticos (2000), mariola ou barbada de cinco barbelas no Diccionario das ciencias da natureza e da saúde (2000), barbada lisa ou barbuda no Gran dicionario Xerais da lingua (2009), madrela en clasificacións de especies pesqueiras recollidas no DOG e no BOE (2012), bacallau de cinco barbelas no Dicionario de alimentación e restauración (2012) e mariola no Dicionario da Real Academia Galega (2012). Chama a atención especialmente que unha entidade como a RAG edite no mesmo ano (2012) dous traballos nos que recomenda denominacións totalmente diferentes sen ningunha explicación nin referencia mutua.

Para intentar orientarse nesta mada de nomes as pautas máis coherentes ofreceunas Luís Daviña Facal no seu Diccionario. Alí recomendaba empregar barbada para identificar as especies dos xéneros Ciliata e Gaidropsarus, o que nos dá un argumento para desbotar a “anguía” e o “bacallao/bacallau”, que deberían reservarse para a denominar os xéneros Anguilla e Gadus, respectivamente. E, xa que logo, recomenda o emprego de barbada de cinco barbelas, que ten equivalentes moi semellantes nas linguas do noso contorno, ou de mariola, que é unha das denominacións populares máis estendidas para esta especie.

Nós optamos aquí por seguir ese consello e recomendar mariola e barbada de cinco barbelas como nomes galegos para Ciliata mustela.

Este artigo foi publicado polo Servizo de Normalización Lingüística da USC o 27/5/2014

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

O catedrático da UDC García Mira leva os seus estudos en psicoloxía ambiental ata Filipinas

A Universidade de Santo Tomás organizou unha conferencia sobre o papel da ciencia psicolóxica para abordar o impacto do cambio climático

A Serra da Capelada foi un glaciar da última Idade do Xeo: “É un caso singular en toda a península”

O traballo do catedrático e investigador da USC Augusto Pérez-Alberti analiza a súa configuración xeomorfolóxica e a paisaxe

As plantas non nativas aceleran a desaparición dos ameneiros galegos

As árbores centroeuropeas que se importan para restaurar as plantacións afectadas por unha doenza fúnxica producen uniformidade xenética

Un mapa da NASA alerta da subida do mar en Galicia e revela as zonas máis afectadas

Unha ferramenta dixital baseada nos datos científicos do Sexto Informe do IPCC ofrece unha proxección sobre as subidas do nivel do mar en todo o mundo ata 2150