Vista aérea do CERN.

Vista aérea do CERN.

Sen ciencia básica non son posibles os avances técnicos

O pasado día 6 de marzo Gciencia daba conta do reinicio das actividades do Gran Colisionador de Hadróns ou HLC do CERN e do papel destacado que os físicos galegos terán nesta nova xeira de experimentos. Cada vez que xorde unha nova deste tipo, que supón unha forte inversión de diñeiro público en ciencia básica, observo un aumento dos debates acerca da pertinencia e eficiencia deste tipo de inversión. Sesudos comentarios do tipo “con eses cartos arranxábanse as estradas de toda Galicia” ou “para que queremos saber o que pasou no Big Bang?”.

Segundo o filósofo Mario Bunge cómpre distinguir entre ciencia básica, ciencia aplicada e técnica. A ciencia básica persegue aumentar o coñecemento humano, sen ningún fin predeterminado (por exemplo coñecer que pasou no Big Bang, saber que pasa nos bordes dun burato negro ou estudar as propiedades da luz). A ciencia aplicada apóiase na ciencia básica buscando aplicar eses coñecementos a casos concretos para xerar novo coñecemento, por exemplo aplicando os coñecementos da física de partículas para acadar a fusión controlada para producir enerxía ou o estudio dos láseres en comunicación. Por último estaría a técnica, que non persegue desenvolver novo coñecemento, senón aplicar o existente para fabricar aparellos máis eficientes, máis baratos, menos agresivos co medio ambiente, etcétera. No exemplo da luz podería ser a fabricación de fibras ópticas.

BigBang842Hai que recoñecer que o tema da inversión en ciencia básica da para pensar, e sobre todo nesta época na que os cartos públicos escasean. En primeiro lugar imos ver que se fai en outros países. Segundo datos de Eurostat, o gasto global en I+D no ano 2011 vai dende o 3,8% do PIB de Finlandia, pasando polo 2,9% de Alemania, ou 2,7% de EE UU, ata o 1,4% de España ou o 0,7% de Grecia. Intentei buscar datos de inversión en ciencia básica e atopei un informe da OCDE sobre “gastos en educación superior e ciencia básica”. O primeiro país da lista era Dinamarca, cun 0,9% do PIB, Israel destina o 0,8%, Francia o 0,5, USA o 0,42 e España o 0,38.

A primeira reflexión dime que a inversión en ciencia debe de ser rendible, incluída a inversión en ciencia básica, pois os países máis inversores son tamén dos países con maior PIB e os máis avanzados tecnoloxicamente. No blog Ensilicio.com atoparedes un gráfico moi ilustrativo sobre esa relación. Sobre as vantaxes da inversión pública en I+D recomendo a lectura dun artigo titulado “I+D: por qué y para qué” de Xavier Barcóns, profesor de investigación do CSIC, publicado en Investigación y Ciencia.

Esta visión contrasta coa política actual, tanto estatal como galega, que pretende tratar as universidades como empresas cuxo obxectivo primordial sexa ser rendibles, captar fondos, crear empresas de base tecnolóxica, adaptarse ao mercado, etcétera. E claro, para isto a ciencia básica é un estorbo. Dende logo eu non concordo con esta visión, para min a universidade é un servizo e non ten que ser rendible economicamente a curto prazo, o que ten que ser é eficiente.

Reclamo polo tanto aos nosos dirixentes o restablecemento de programas específicos de financiamento de ciencia básica e de axudas para apoiar a carreira investigadora. Lin en algún sitio que para facer ciencia aplicada hai que ter ciencia que aplicar, e estámonos quedando sen ela.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.