Medicamentos

Fabricación de medicamentos dunha industria farmacéutica. / Hidrafil

Medicamentos: un negocio moooooi rendible

Actualmente a investigación, fabricación e comercialización de medicamentos está en mans dunhas cantas compañías farmacéuticas (Novartis, Pfizer, GlaxoSmithKline, Merck …) que manteñen marxes de beneficios do 10-20% sobre a facturación, cando a media mundial se sitúa entre o 3-5%. Para conseguir estes beneficios apóianse na protección que lles da o sistema de patentes, pero tamén nun entramado que implica aos profesionais médicos e aos gobernos de moitos países.

Disfrazados de axudas á formación, estas compañías financian congresos médicos, pagando os gastos aos facultativos “amigos” e, por suposto, aproveitando para presentar as vantaxes dos seus medicamentos. Segundo Federico Relimpio, médico e autor da novela KOL Líder de opinión, ambientada neste mundo, “a industria farmaceútica mércao todo”. Afortunadamente, cada día máis médicos estanse a revelar contra este mercadeo, en algún casos con consecuencias moi negativas para eles, mesmo a expulsión (véxase o caso de Ghislaine Lanctot).

Unha das denuncias máis serias contra a industria farmacéutica fíxoa Marcia Angell, doutora americana de gran prestixio (foi por exemplo editora xefe do New England Journal of Medicine). Na conferencia titulada A verdade sobre as compañías farmacéuticas dixo:

lipitor_lipitor

Medicamento Lipitor para combater o colesterol.

“Ao longo das dúas últimas décadas a industria farmacéutica alonxouse do seu propósito orixinal de descubrir e producir novos medicamentos útiles. Agora basicamente é unha máquina de marketing para vender medicamentos de beneficio dubidoso. Esta industria emprega a súa riqueza e poder para influenciar a todas as institucións que poidan estar no seu camiño, incluíndo o Congreso dos Estados Unidos, a FDA , centros médicos académicos e da propia profesión médica. (A maioría dos seus esforzos de marketing están centrados en influír aos médicos, xa que son eles os que receitan)”.

Loxicamente, as compañías farmacéuticas deféndense e din que a investigación para desenvolver un novo medicamento é moi custosa -estiman unha media de 800 millóns de dólares- e que logo teñen que recuperalo. Os críticos argumentan que o custo medio é bastante menor, se cadra uns 100 millóns de dólares, e que a meirande parte desa cantidade se adica a marketing e a estudos de mercado. Ademais gran parte desa inversión son fondos públicos, en forma de axudas para I+D.

Sexa como for eu penso que a situación actual é inaceptable. Non pode ser que o medicamento para tratar e hepatite C custe 90.000 dólares anuais cando o custo de fabricación é de 250. Non pode ser que o o conselleiro delegado de Bayer diga: “Nós non fabricamos medicamentos para os indios, facémolo para os pacientes occidentais, que poden pagalos”. Non pode ser que siga morrendo xente de sida no mundo porque non poden pagarse os tratamentos. Non pode ser que non se investigase no ébola ata que nos decatamos que tamén pode afectar aos “occidentais”.

E para rematar voume referir a un caso, non tan chamativo e mortal como o ébola, pero que para min é o pelotazo do século: o nivel máximo permitido de colesterol. Fai anos ese nivel eran 260 mg/dL, logo baixou a 240, 220, 200 … e xa se fala de baixalo a 180. Parece que canto menor sexa o nivel de colesterol mellor, pero de aí a obrigar a tomar a pastilliña a todos os que superen o umbral vai un mundo. Para que vos fagades unha idea do “mercado” que esto supón, cos niveis actuais só en EEUU pasarían de 3 a 40 millóns as persoas que superarían o umbral. Así pasa que o fármaco que máis beneficios ten producido na historia é o Lipitor, contra o colesterol. Podedes ampliar información lendo o artigo La injustificable demonización del colesterol.

E se vos gusta o cine non deixedes de ver El jardinero fiel, sobre os experimentos de compañías farmaceúticas en Kenia . Claro que é ficción… Ou non!

Ata aquí as denuncias, agora tocaría plantexar solucións. Eu creo que son posibles e para min pasan por destinar os cartos que se “regalan” a esas multinacionais a crear centros públicos de I+D nese ámbito, cuxo obxectivo non sexa gañar cartos.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.