radon_gas_warning

Gas radón e cancro de pulmón: evidencias científicas

Hai uns días, falando co meu médico de familia, saíu o tema do cancro e comentoume que nun pobo do meu concello había un número elevado de casos. Opinaba que un dos motivos podía ser a elevada exposición ao gas radón e díxome que estaba levando a cabo un estudio dos niveis de dito gas en varias casas.

GCiencia xa se fixo eco deste problema en varias ocasións. En outubro publicou un artigo no que se referenciaba un traballo do Grupo de Radón da Universidade de Santiago de Compostela no cal se atopou que exposicións ao gas radón, combinadas co tabaquismo multiplicaban os riscos de cancro de pulmón. En decembro mencionou un artigo de La Voz de Galicia no que se informaba de que a asociación ecoloxista Arco Iris presentara unha petición na Consellería de Sanidade para que se elaborase un plan contra o gas radón, dado que supón a causa de entre o 3% e o 5% das mortes por cancro de pulmón en Galicia.

radon_gas_warning

O gas radón é radiactivo e libérase en maiores cantidades en solos graníticos, como é o caso de Galicia. Este gas entra nas nosas casas por gretas ou poros no propio chan, a través da auga ou de materiais de construción como os mesados de granito. Unha vez no aire pode entrar nos nosos pulmóns provocando mutacións que poden derivar nun cancro. O Grupo de Radón da USC leva xa anos tomando medidas por toda Galicia e na súa web pódese ver o mapa de concentración do mesmo por comarcas e concellos. As provincias con maiores niveles de radón son Pontevedra e Ourense, e especialmente comarcas como Trives, Verín, Viana, O Condado ou o Salnés.

Hai varios estudos a nivel mundial sobre a relación entre exposición ao radón e cancro de pulmón pero o mais amplo fíxose en 2006 e nel participaron investigadores galegos. Sobre unha mostra de 7.148 persoas con cancro de pulmón e 14.208 de control atoparon que unha exposición a doses de 100 Bq/m3 aumentaba un 20% o risco de contraer cancro e a doses de 400 Bq/m3 aumentaba un 60%, isto en persoas non fumadoras. O risco para unha persoa fumadora respecto dunha non fumadora era 25 veces superior, pero se ademais de fumadora se atopaba exposta a doses de 400 Bq/m3 o risco multiplicábase por 42.

gasradonEn relación con Galicia un dos estudios mais amplos foi feito en 2012 polo Grupo de Radón da USC. Sobre unha mostra de 349 pacientes con cancro de pulmón e 513 de control atoparon que unha exposición a mais de 148 Bq/m3 aumentaba un 220% o risco de cancro. Para persoas fumadoras e expostas a esas doses da radón o risco de contraer cancro de pulmón é 73 veces maior que o risco que ten un non fumador non exposto ao radón. Se temos en conta que segundo os datos obtidos polo propio grupo a porcentaxe de fogares en Galicia que supera eses niveles de radiación é do 20% aproximadamente, estamos ante un problema serio que non está recibindo a suficiente atención.

Para baixar os niveis de gas radón nas nosas vivendas recoméndase ventilar todos os días, aínda que con isto só se consegue baixar arredor dun 20% a concentración do gas, e iso ventilando dúas horas. En EE UU as normas de construción para zonas de alto risco xa contemplan técnicas de redución do radón e mesmo certificados de que as casas non reciben mais de 148 Bq/m3. En Europa a normativa recomenda non superar os 400 Bq/m3 en casas xa construídas e 200 Bq/m3 en casas novas, valores demasiado altos.

Esperemos que a solicitude presentada por Arco Iris teña efecto e se melloren as normas de edificación para rebaixar os límites permitidos de gas radón, ademais de incluír recomendacións construtivas para rebaixar eses niveis. Mentres tanto… abramos as nosas fiestras!

Por certo, por 80 € podedes coñecer os niveis de radón da vosa casa. Neste enlace tendes mais información.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.