Josep Pàmies, durante a súa intervención no congreso de pseudociencias 'Un mundo sin cáncer',

Josep Pàmies, durante a súa intervención no congreso de pseudociencias 'Un mundo sin cáncer',

As pseudociencias e a liberdade de expresión

"Afirmar que a sida é mentira e que o ébola pode curarse con cloro e plantas é cuspir sobre os millóns de persoas que morreron por estas enfermidades"

40 millóns de mortos. 40 millóns de vidas, cada unha co seu nome, a súa historia e a súa familia detrás. É a cantidade estimada de falecidos por causa da sida en todo o mundo. Grazas aos antirretrovirais, a cada ano que pasa esta enfermidade vai quedando atrás, como un pesadelo que vivimos moi de preto en Occidente nos anos 80 e 90 do século XX.

Por desgraza, na África Subsahariana aínda non espertaron dese pesadelo, e segue habendo centos de miles de enfermos. En Suazilandia, Botswana, Lesotho ou Sudáfrica, a prevalencia na poboación chegou a ser superior ao 20%. A culpa tiña moitos pais. Entre eles, a igrexa católica, cando o papa Juan Pablo II dicía que usar o condón era unha “blasfemia”, ou que, xa en 2010, en Camerún, Benedicto XVI dixera que os preservativos non eran unha solución contra a enfermidade.

Pero había quen lle facía a competencia á curia en canto a nivel de miseria. O goberno sudafricano tiña que ver como cada día chegaban a morrerlle máis de 1.000 cidadáns por culpa da sida. E entón apareceu por alí un suposto mesías das pseudociencias, chamado Matthias Rath, que dicía que os antirretrovirais eran “veleno puro”. O goberno, por algunha razón, criu a aquel home. E deulle o visto e prace a Rath para comezar a repartir por Sudáfrica un cóctel milagreiro de vitaminas que, casualmente, el mesmo fabricaba e comercializaba, e que afirmaba que eran o mellor remedio contra a sida.

Mathias Rath convenceu ao goberno sudafricano de que o sida se curaba coas vitaminas que el vendía

O engano durou pouco, pero fixo bastante dano. A evidencia científica e as reaccións de movementos cidadáns sudafricanos que vían que aquelas vitaminas non facían nada obrigaron á xustiza a intervir e prohibir a comercialización do remedio milagreiro de Rath. Con todo, aínda hai quen hoxe segue considerándoo un visionario e un valente loitador contra as grandes multinacionais. Unha das súas cruzadas foi a de denunciar á farmacéutica Bayer por crímenes contra a humanidade, argumentando que a aspirina era pouco menos que un arma de exterminación.

E que ten que ver Rath en todo isto? En varias ocasións (como nesta entrevista en La Vanguardia ou neste artigo do seu blog), o empresario agrícola Josep Pàmies, un gurú das pseudociencias que factura máis dun millón de euros cada ano e afirma ter remedios naturais contra o cancro, o ébola e outras enfermidades, ten citado a Rath como un dos seus inspiradores na súa cruzada contra as supostas mafias da industria química e farmacéutica. E sobre a sida, Pàmies ten sementado ideas abstractas que poñen en dúbida a propia existencia da síndrome. Cita ao Nobel de Química Kary Mullis, un dos referentes do negacionismo da sida, e que foi rebatido en numerosas ocasións pola gran maioría dos seus colegas que investigaron o VIH, como a viróloga Françoise Barré-Sinoussi, Nobel de Medicina e descubridora do virus, que nesta entrevista dá a súa opinión sobre Mullis.

O ébola e as pseudociencias

Matthias Rath quixo facerse millonario aínda sabendo que podería poñer en risco a vida de milleiros de persoas. E hoxe, outro virus mortal e sen cura, o ébola, arrasa a África subsahariana. A OMS e a comunidade científica levan anos buscando unha vacina, e parece que podería estar preto. Pero hai quen, de novo sen estudos científicos que o avalen, afirma ter de novo unha cura contra a epidemia.

Como xa fixera Matthias Rath, Josep Pàmies xa iniciou contactos con pequenas ONGs e países como Guinea Conakry, tal e como conta el mesmo no seu blog, para ‘regalar’ produtos como as plantas Garcinia kola e Artemisia Annua e o dióxido de cloro. Segundo el, son os remedios que curan o ébola, aos que suma a plata coloidal e a auga de mar. Así o explica nun vídeo no que tamén afirma, entre outras cousas, que o cólera pode ‘disolverse’ bebendo tamén auga de mar. Segundo Pàmies, tanto a OMS como as grandes ONGs están rexeitando o ofrecemento que lles fai chegar “desinteresadamente” para vencer ao ébola. E do mesmo xeito que Mathias Rath, arremete contra a ‘farmafia’ e a ‘quimimafia’, deixando entrever que lles convén que a xente siga morrendo.

O predicamento que a mal chamada ‘medicina natural’ ten hoxe en día debería abrir unha profunda reflexión. Estes días, Pàmies está de xira por Galicia e enche de seguidores os salóns de actos nos que fala. A xente apláudeo con entusiasmo. Non é unha cuestión de formación académica, tal e como demostran os datos do CIS, que non amosan unha correlación entre o nivel de estudos e a confianza nas pseudociencias; nin de recursos económicos (abonda con lembrar o caso de Steve Jobs, que rexeitou operarse dun cancro de páncreas e comezou a tratarse con zumes e complementos vitamínicos).

“Non deixa de ser paradoxal que as pseudociencias triunfen nos países máis beneficiados polos avances científicos”

E tampouco deixa de ser paradoxal que o maior número de seguidores destas correntes pseudocientíficas agromen nos países máis beneficiados polos avances da investigación científica e médica. Uns niveis de esperanza de vida, calidade de vida e erradicación de enfermidades infecciosas nunca antes acadados na historia da humanidade non parecen suficientes para ver como xorde con forza a desconfianza na evidencia científica.

Resulta complicado ser racionais cando vemos como o cancro vai comendo a un ser querido ata matalo. E tamén resulta complicado non tratar como heroes aos científicos e traballadores da sanidade que, cada vez con maior éxito, salvan á xente desta enfermidade. O mesmo acontece cos millóns de familias que sufriron a longa agonía dos seus enfermos de sida nos anos 80 e 90, e que hoxe poden compartir unha vida practicamente normal cos seus seres queridos seropositivos. E tamén é difícil é ser racional – aínda que a nosa atalaia occidental non nos deixe mirar de preto – pensando nas mortes polo ébola, a sida e tantas outras enfermidades infecciosas que aínda se transmiten no terceiro mundo. Pero isto non pode desembocar nunha desconfianza conspiranoide cara a evidencia dos enormes avances conseguidos grazas á ciencia, a farmacia e a medicina.

Nos últimos tempos estase a falar moito da liberdade de expresión, e iso non é unha boa noticia. Secuestrar libros, encarcerar a rapeiros polas súas letras (por moi noxentas que sexan) ou retirar exposicións de arte a instancias de comisarios políticos non parecen ser boas decisións. E como ben expón nun artigo recente Marcos Pérez Maldonado, a opción de converter a apoloxía antivacinas nun delito contra a saúde pública é unha decisión que non está exenta de riscos.

Na era das ‘fake news‘, que algúns gobernos parecen decididos a combater con todas as súas forzas, tamén sería bo que as administracións públicas se esforzasen en formar e informar á cidadanía contra os riscos das pseudociencias e os seus voceiros. E deberían tomar non só un papel reactivo, instando a prohibir charlas cando teñen coñecemento delas, senón tamén unha postura activa, ofrecendo aos cidadáns as ferramentas necesarias para non caer nestas perigosas trampas. Porque as ‘fake news’ das pseudociencias son tamén un problema de saúde pública, tal e como demostra a reaparición do sarampelo en Europa, cun aumento de casos do 400%.

E porque o que si parece claro é que, con todo, afirmar que a sida é mentira, que a quimioterapia non é efectiva e que o ébola pode curarse con cloro e plantas é cuspir sobre as vidas de millóns de persoas que morreron e aínda morren por estas enfermidades. E algo aínda máis grave: estas actitudes están poñendo en risco outras moitas vidas.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.