polyprion_americanus

Banco de Galicia: a presión pesqueira

Non moitos buques galegos teñen explotado a gran montaña submarina fronte a Galicia

Segunda entrega (2/3) dedicada ao Banco de Galicia. Nesta ocasión centrámonos no historial pesqueiro desta zona LIC da Rede Natura 2000 (Lugar de Interese Comunitario, ver entrada anterior dedicada á historia natural desta área tan salientable).

O historial de campañas de investigación realizadas no Banco de Galicia no período que vai desde a década dos 80 ata 2011, inclúe o emprego de barcos de pesca comercial en tarefas de apoio á investigación. Con todo, na presente, referirémonos unicamente á actividade pesqueira comercial.

Aínda que o coñecemento da existencia do Banco de Galicia remóntase ao ano 1964, coa publicación dun estudo xeomorfolóxico da zona, non se sabe con exactitude cando tivo lugar o comezo da actividade pesqueira na zona. As primeiras pegadas de actividade pesqueira remóntanse a principios da década de 1970. Dada a distancia ao banco desde os principais portos pesqueiros de Galicia, a carencia de cartas náuticas da zona, as elevadas profundidades e o descoñecemento sobre a presenza e abundancia de especies comerciais, a frota era reticente a operar alí polo que a actividade pesqueira foi relativamente reducida e recente no tempo.

A baixa presión pesqueira permitiu un alto grao de conservación deste ecosistema

Foi Germán Pérez Gándaras (1980) o primeiro investigador en reportar os primeiros datos de esforzo pesqueiro nuns informes realizados sobre as primeiras prospeccións de pesca promovidas pola Asociación Provincial de Armadores de Pesca Fresca de Pontevedra, realizadas no banco coa axuda científica do Instituto de Investigacións Mariñas de Vigo (IIM-CSIC).

No citado informe faise referencia a varios barcos de orixe galega dedicados ao palangre ou volanta. Embarcacións como o ‘Porto de Burela’ (1971, palangre de fondo),  ‘Sirín’ e o ‘Rodriguez Baz’ (1975, volante) ou o ‘Novo Anduriña’ e o ‘Monte Real’ (1979, palangre) figuran nese informe como as pioneiras da actividade pesqueira na zona. As especies máis destacadas nas súas capturas eran a cherna (Polyprion americanus), tomás (Epigonus telescopus), alfonsino (Beryx splendens) e brótola de lama (Phycis blennoides) no caso dosos volanteiros, e casteñeta (Brama brama) e peixe espada (Xiphias gladius) para os palangreiros.

Polyprion americanus (Bloch & Schneider, 1801). Foto: Gonzalo Mucientes
Polyprion americanus (Bloch & Schneider, 1801). Foto: Gonzalo Mucientes, BEC

A partires de 1985 polo menos algúns barcos dedicáronse á pesca da castañeta vermella (Beryx spp.), un deles usando enmalle e o resto palangre de fondo (Serrano et al., 2014). Foi xa ao remate dos 90s cando a pesqueira de palangre de fondo dedicada á castañeta vermella desaparece e comeza a desenvolverse unha pesqueira co mesmo tipo de arte dirixida a quenllas de profundidade, principalmente Centroscymnus coelolepis e Centrophorus squamosus (uns tres barcos, en función do ano e da época). Dende aquí recomendarvos una magnífica entrada do noso blog amigo e colaborador Tiburones de Galicia (por Toño Maño) dedicada  ás diferentes especies de Tiburóns “En el Banco de Galicia.

Centroscymnus coelolepis Barbosa du Bocage & de Brito Capello, 1864. Foto: Gonzalo Mucientes
Centroscymnus coelolepis Barbosa du Bocage & de Brito Capello, 1864. Foto: Gonzalo Mucientes, BEC

Ao tempo aparece unha pesquería de enmalle dedicada ao rape (Lophius spp).

Lophius piscatorius Linnaeus, 1758. Foto: Gonzalo Mucientes
Lophius piscatorius Linnaeus, 1758. Foto: Gonzalo Mucientes, BEC

Xa no século XXI, a principios do 2000, uns sete barcos faenaban de forma esporádica na zona. Catro deles dedicados á modalidade de enmalle (‘miños’ e ‘volantea’) para a pesca de rape e tres dedicados á pesca das quenllas de profundidade mediante palangre de fondo. Existe tamén certa actividade estacional na pesqueira de ‘cacea’ dirixida ao bonito (Thunnus alalunga).

Xiphias gladius Linnaeus, 1758. Foto: Gonzalo Mucientes
Xiphias gladius Linnaeus, 1758. Foto: Gonzalo Mucientes, BEC
Thunnus alalunga (Bonnaterre, 1788). Foto: Gonzalo Mucientes
Thunnus alalunga (Bonnaterre, 1788). Foto: Gonzalo Mucientes, BEC

Pero a explotación dos recursos n0 banco de Galicia non se limitaba á ictiofauna. En canto ao marisqueiro, mencionar a abundancia de cangrexo real (Chaceon affinis) que foi documentada por Pérez-Gándaras nunha serie de prospeccións realizadas na zona polo IIM-CSIC (Pérez-Gándaras, 1980, 1981a,b). Destas prospeccións estimáronse unhas posibilidades de pesca para catro embarcacións de 700 kg de cangrexo real por barco e día. En 1990-1991, e durante distintos períodos, a Consellería de Pesca, Marisqueo e Acuicultura (Xunta de Galicia) realizou campañas experimentais para a captura de cangrexo real. Pero de todos os barcos que participaron nas campañas, tan só o ‘MadreModesta’ faenou na zona mediante ‘nasa fanequeira’ (Ramonell et al., 1990).

A actividade pesqueira foise reducindo gradualmente co tempo e xa a partir do ano 2000 só algúns barcos faenaban de forma esporádica na zona de estudo.

Nos últimos anos a lexislación endureceuse volvéndose máis restritiva respecto de períodos de pesca ademais de impoñer a prohibición sobre a pesca de quenllas de profundidade (Reglamento Europeo 1262/2012) e o calado das artes de enmalle a máis de 600 m de profundidade. Este feito contribuíu excesivamente a limitar a actividade pesqueira na zona.

Polo exposto anteriormente, poderíase considerar a presión pesqueira realizada sobre o banco como baixa, cunha actividade esporádica con artes de pesca pouco destrutivos, como o enmalle e o anzol. Isto permitiu, a pesar de que moitos dos recursos pesqueiros alí presentes se consideran vulnerables (Bañón, 2016), un alto grado de conservación de este ecosistema.

Pérez-Gándaras, G. 1980. Informe sobre la campaña de prospección al banco de Galicia (campañas de junio-julio y septiembre de 1980). IIM-CSIC, 46 pp. Pérez-Gándaras, G. 1981a. Informe sobre la campaña de arrastre en el banco de Galicia (3ª campaña de prospección, Enero de 1981). IIM-CSIC, 23 pp. Pérez-Gándaras, G. 1981b. Informe sobre una campaña de arrastre en el banco de Galicia (4ª campaña de prospección, Octubre 1981). IIM-CSIC, 12 pp. Ramonell, R., Solórzano, M.R. & Romarís, X.M. 1990. Informe sobre la pesca del cangrejo real en los meses de julio a octubre de 1990 en las costas de Galicia. Xunta de Galicia, 7 pp. Serrano, A. et al. 2014. Informe final del proyecto LIFE+ INDEMARES (LIFE07/NAT/E/000732), subproyecto LIC “Caracterización ecológica del Banco de Galicia”. Instituto Español de Oceanografía, Centro Oceanográfico de Santander. Coordinación: Fundación Biodiversidad, Madrid, 237 pp. Bañón, R. 2016. Ictiofauna del banco de Galicia: composición taxonómica y aspectos biogeográficos. Tesis doctoral, Universidade de Vigo

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.