Por Rafa Bañón e BEC
O pasado mes de novembro de 2015 foi capturado un estraño cangrexo azul nunca visto antes nas nosas costas.
O exemplar de cangrexo azul Callinectes sapidus (Portunidae) de 300g de peso foi capturado na Ría de Vigo, fronte á praia de Canabal, pola embarcación ‘O Vilela’, pertencente á confraría de Pescadores San José de Cangas do Morrazo.
O cangrexo azul é unha especie exótica invasora orixinaria do Atlántico occidental, desde Canadá ata Arxentina, e introducido por vez primeira en Europa en 1900 en Francia.
Actualmente atópase distribuído por numerosos países do litoral europeo tanto do Atlántico como do Mediterráneo. Na península Ibérica hai varias citas desta especie, as máis próximas son unha ao norte, no porto de Xixón en 2006 e outra ao sur, no estuario do Tajo, en Portugal, en 1979. Esta especie súmase a outros tres cangrexos exóticos Panopaeus africanus, Pilumnopeus africanus e Pachygrapsus gracilis, capturados recentemente na Ría de Arousa (Cuesta et al., 2015). O número de exóticas marinas en Galicia incrementouse notablemente nos últimos anos co consecuente perigo para o ecosistema e as especies nativas.
Destaca o gran tamaño das súas pinzas como podemos apreciar no seguinte vídeo tomado nada máis chegar ás instalacións da lonxa de Cangas:
#BlueCrab Callinectes sapidus from Ecología Azul on Vimeo.
Agradecer á tripulación de ‘O Vilela’, a Berta (bióloga da confraría de Cangas) e demais persoal da devandita confraría a súa colaboración e doazón do exemplar citado.