O aforamento non semella unha palabra axeitada para un teatro.

O aforamento non semella unha palabra axeitada para un teatro.

Aforamentos de políticos, de leiras… e de teatros?

'Entrada libre ata completar o aforamento' non é unha boa frase en galego

“Entrada libre ata completar o aforamento”

Así remataba un convite a un acto, que me chegou hai poucos días á caixa de correo electrónico. Eu tiña claro que o aforamento é unha prerrogativa que se lles concede a determinados cargos públicos que lles permite ser encausados e procesados por tribunais diferentes -previamente sinalados- aos que lles corresponderían se fosen tratados como cidadáns comúns. Pero non me soaba que en galego se usase para referirse á ‘cantidade de persoas que poden acceder legalmente a un recinto’, tal e como se facía nesa mensaxe.

Unha consulta rápida ao dicionario confirmou a miña intuición: os significados de aforar e de aforamento (aforo xa nin aparece) remiten só a cuestións relacionadas coa historia política (outorgar foros a un lugar) ou económica (dar ou tomar a foro unha propiedade). Xa que logo, precisamos unha palabra galega que substitúa a aforamento en contextos coma o do convite inicial.

A palabra que estamos buscando é cabida (ou tamén capacidade), definida pola Academia Galega como ‘espazo interior dun recipiente ou continente, dun local etc., considerado en función do que pode conter nel’. A definición pode parecer pouco precisa, pero o exemplo que a acompaña (Este cine ten cabida para duascentas persoas.) aclara todas as dúbidas.

Por iso, deixemos os aforamentos para os textos de historia ou para as informacións de tribunais, e lembrémonos de empregar fórmulas como Entrada libre ata completar a capacidade ou Entrada libre ata completar a cabida cando fagamos anuncios de conferencias, actuacións e eventos semellantes.

Deixar unha resposta

XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

POLÍTICA DE COMENTARIOS:

GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.