Mandíbula de marraxo

Mandíbula de marraxo no laboratorio do Grupo Novos Materiais da Universidade de Vigo.

Tiburón nas enxivas

A Universidade de Vigo patenta unha investigación para a utilización de dentes de tintureira e marraxo para implantes dentais

    bandera-espanaEspañol bandera-ukEnglish

    Jorge partiu unha moa ao mastigar unha oliva con óso. Barcos pesqueiros regresan do Índico a Vigo repletos de tiburóns das que deberán descartar boa parte das súas pezas. Nin Jorge nin o armador deses barcos poden sospeitar que os problemas de cada un van ser as solucións do outro. El curará a súa dentadura con pezas extraidas da boca dos escualos, mentres que o propietario da carga logrará un rendemento económico a partir de restos destinados a engrosar o colector dos descartes.

    Unha investigación levada a cabo en Vigo con excelentes resultados, xa testados, permitirá ao aproveitamento dos dentes das especies tintureira e marraxo para a xeración de tecido óseo, de grande utilidade nos campos da traumatoloxía e, moi especialmente, a odontoloxía, no que constitúe un innovador avance biomédico e do aproveitamento dos recursos mariños.

    Tres anos de estudos realizados por investigadores do Grupo Novos Materiais de la Universidade de Vigo, integrados no proxecto Biocaps, están a punto de dar os seus froitos e facilitar que a historia de Jorge e Copemar culmine coa consecución da patente. Jorge é o nome que Biocaps, o programa do Instituto de Investigación Biomédica de Vigo, elixiu para o personaxe ficticio dun vídeo divulgativo dirixido por Paulino Pérez que trata de expoñer de forma moi didáctica a utilidade da investigación. E Copemar é a empresa armadora que colabora no proxecto, efectuado no marco do programa europeo MARMED de desenvolvemento de produtos innovadores de valorización de recursos mariños.

    A valorización dos dentes de quenlla é un exemplo claro das posibilidades da biotecnoloxía vermella, a orientada cara á medicina. Non é unha novidade o aproveitamento de pezas animais para a elaboración de cerámicas biolóxicas, pero o óso bovino que se viña utilizando ata agora complicouse tras a confirmación do risco de transmisión da encefalopatía esponxiforme bovina, coñecida como o mal das vacas tolas, un risco que desaparece co uso de dentes de quenlla. Non hai toxicidade nas pezas de escualos, como se demostrou nos laboratorios do Grupo de Novos Materiais de Vigo.

    Tiburóns na lonxa do porto de Vigo

    Tiburóns na lonxa do porto de Vigo

    No porto pesqueiro vigués, un dos máis importantes do mundo, descárganse cada ano 3.000 toneladas de quenlla -principalmente tintureira e marraxo procedentes do Índico-, o que o converte no principal de España nesta especie. As aletas teñen grande aceptación no mercado asiático e a carne véndese en Europa, pero é inxente o volume de descartes que deben xestionar os armadores na práctica totalidade dos animais. “O tratamento dos recursos mariños non se está a levar a cabo de forma sostible, o que carrexa o descarte de subprodutos cun elevado potencial de valorización”, reflexiona Julia Serra, do grupo investigador. O proxecto MARMED permite realizar estudos de casos reais en colaboración coa industria para a xeración de produtos biomédicos cun alto valor engadido procedentes das empresas do sector.

    O mal das vacas tolas impide a implantación do óso bovino

    O proceso ao que se someten os dentes de tintureira e marraxo é relativamente sinxelo. Comeza co lavado e secado das pezas, para proceder despois ao moelas. Introdúcense a continuación nun forno para expoñelas a unha temperatura de 1.500 graos, o que elimina todo resto orgánico. O material sométese a un estudo morfolóxico ao microscopio para caracterizalo e xa está listo para as probas biolóxicas. As realizadas con cranio de rata deron uns resultados sensacionais, polo que o grupo integrado en Biocaps xa puxo en marcha o proceso para conseguir unha patente europea que se espera en cuestión de semanas.

    “Unha vez que consigamos a patente, o seguinte paso será encontrar unha empresa que queira licenciala, continúa Serra. Un acordo cunha compañía protexido cunha cláusula de confidencialidade ten practicamente atada a comercialización do produto. A profesora universitaria, que dirixe o proxecto conxuntamente co catedrático Pío González, recorda con especial emoción o momento no que observaron o material final, tras pasar o proceso de moído e pirólise: “Branco, granulado: perfecto”. Un material “moi amable”, que confirmou a intuición de que o dente de quenlla era perfecto para o seu proxecto.

    Para ser exactos, non era unha intuición o que levou a Serra e González a emprender a investigación, senón a certeza de que estaban ante o material non sintético máis axeitado para os implantes que empregan os odontólogos. “Pola súa morfoloxía, a súa porosidade, a súa dureza extraordinaria, o seu fluor, por carecer de carie… ” Grazas á súa investigación, os dentes de quenlla deixarán de ser unha molestia para os armadores, algo máis que unha ameaza para os bañistas sensibles aos mitos do cine. E Jorge poderá dicir con orgullo que leva quenlla nas enxivas.

    [wzslider interval=”5000″ lightbox=”true” exclude=”9739, 9738, 9737″]

    logo_MINECO_FECYT_Web

    Deixar unha resposta

    XHTML: Podes empregar estas etiquetas: <a href="" title=""> <abbr title=""> <acronym title=""> <b> <blockquote cite=""> <cite> <code> <del datetime=""> <em> <i> <q cite=""> <s> <strike> <strong>

    POLÍTICA DE COMENTARIOS:

    GCiencia non publicará comentarios ofensivos, que non sexan respectuosos ou que conteñan expresións discriminatorias, difamatorias ou contrarias á lexislación vixente.

    GCiencia no publicará comentarios ofensivos, que no sean respetuosos o que contentan expresiones discriminatorias, difamatorias o contrarias a la ley existente.