Venres 29 Marzo 2024

A ciencia das ciencias

bandera-espanaEspañol bandera-ukEnglish

É unha titulación imán. Atrae estudantes de carreiras diversas, ten grandes saídas laborais e o seu sector medra de xeito imparable. Biotecnoloxía, con máster nas tres universidades galegas, é unha ciencia de ciencias na que a demanda de matrícula xa triplica a oferta.

A Biotecnoloxía vai do laboratorio á aplicación práctica.
A Biotecnoloxía vai do laboratorio á aplicación práctica.

A biotecnoloxía non é nova. O ser humano practícaa dende que, no Neolítico, descubriu a agricultura. Sen saber que era un cromosoma nin a dobre hélice do ADN, seleccionaba xeneticamente as mellores plantas para o cultivo. Pero o concepto non apareceu ata data recente. A americana Genentech Incorporated, fundada en 1976, foi a primeira empresa biotecnolóxica do mundo. E, en 1977, lanzou ao mercado a primeira hormona humana fabricada nunha bacteria: a somatostatina. Aquel lanzamento está considerado o inicio da chamada Era da Biotecnoloxía.

Publicidade

Hoxe, Biotecnoloxía é a palabra de moda. A técnica para estudar e aproveitar as interaccións biolóxicas dos seres vivos úsase amplamente en agricultura, farmacia, ciencia dos alimentos, medio ambiente ou medicina. E ademais involucra a expertos de moitas disciplinas, como bioloxía, bioquímica, xenética, viroloxía, agronomía, ecoloxía, enxeñaría, física, química, medicina e veterinaria entre outras. É unha auténtica ciencia de ciencias. E, ademais, aplicada: lista para ofrecer solucións e transferirse ao mercado.

“Aos nosos estudos poden acceder titulados de 8 carreiras diferentes”

A evolución do sector foi exponencial en todo o mundo. En Galicia, xa supón o 60 por cento da produción científica. E son 45 as empresas afiliadas ao clúster Bioga, que en 2013 facturaron 56 millóns de euros e deron emprego a medio millar de persoas, na súa maioría titulados universitarios.

“É unha titulación en voga”, recoñece Pedro Pablo Gallego, coordinador do máster en Biotecnoloxía Avanzada que ofrecen conxuntamente as universidades de Vigo e A Coruña. “Aos nosos estudos pódese chegar dende oito carreiras diferentes”, explica Galego, “é un máster cunhas saídas enormes; a xente pensa en laboratorios e industria farmacéutica, pero hoxe demandan biotecnoloxía a industria láctea, a vinícola, as clínicas de fertilidade, as fábricas de cervexa… a oferta é moi variada”.

Pedro Pablo Gallego.
Pedro Pablo Gallego.

O Máster en Biotecnoloxía Avanzada da Coruña e Vigo comezou en 2010 e os seus números non deixaron de crecer. Oferta 30 prazas 15 en cada universidade, e a demanda superou este ano o triplo: máis de 90 solicitudes. “Temos prestixio e funciona o boca a boca”, afirma Pedro Pablo Gallego, “chégannos alumnos de Madrid, de Salamanca e de Iberoamérica”.

As prácticas e a participación de profesorado de empresas son fundamentais. “Queremos que os alumnos coñezan a vida real; as técnicas e problemas que se van atopar no traballo”, explica o coordinador.

A Universidade de Santiago ten o seu propio máster en Biotecnoloxía. Os estudos comezaron en 2001 e, dende 2010, teñen o formato actual. Diríxeo o catedrático de Microbioloxía Tomás González e o profesorado é o propio da USC. Por apuntar diferenzas, os contidos e intercambio coa empresa son máis intensos no da Coruña e Vigo. Onde o adxectivo “avanzada” busca que os alumnos poidan practicar coas últimas técnicas, ás veces usando equipos de grandes empresas como Lonza, asentada no Porriño, que chega a doar os seus aparatos. Os fortes requisitos da axencia do medicamento de EUA, a FDA, obríganlles a unha renovación permanente, polo que ceden a cotío materiais case de estrea e de última xeración.

O 7,8 por cento do PIB de España xa depende da Biotecnoloxía

Ambos os dous máster teñen unha duración dun ano e medio. E conclúen cun proxecto de fin de estudos, enfocado nunha disciplina práctica. Aí o alumno pode elixir a saída profesional que máis lle interesa. “Eu recomendo ao estudante que comece por unha titulación xeralista, como bioloxía, química, etc… “, explica Pedro Pablo Gallego, “e que se especialice logo nun máster, que busque o seu camiño, porque a biotecnoloxía ofrece as saídas máis variadas, todas apaixonantes”.

Así que temos uns estudos de moda. O 7,8 por cento do PIB de España xa depende da biotecnoloxía. A acción da galega Zeltia valía 1 euro en bolsa en 2012 e agora vale o triplo. Máis de 3.000 empresas integran en España o sector. E as previsións apuntan a un gran crecemento ata 2020. Así que a ciencia de ciencias semella que seguirá a ser unha titulación imán.

 

logo_MINECO_FECYT_Web

DEIXAR UNHA RESPOSTA

Please enter your comment!
Please enter your name here

Este sitio emprega Akismet para reducir o spam. Aprende como se procesan os datos dos teus comentarios.

Relacionadas

Un traballo da UDC sobre investigación básica en epilepsia gaña o Epiforward 2024

O equipo conseguiu reducir a actividade cerebral grazas á aplicación de campos magnéticos en áreas concretas do cerebro

Científicos galegos participan no primeiro mapa español de bacterias resistentes aos antibióticos

A base de datos en liña proporciona o perfil xenómico de 461 cepas, procedentes de 41 hospitais situados en 13 rexións de España

Santiago rexistrou máis de 2.300 horas de Sol en 2023, a segunda marca máis alta do século

A chuvia recollida ao longo do ano superou os 2.000 litros por metro cadrado, mentres que a temperatura máxima foron os máis de 36 graos do pasado 8 de agosto

A calidade do aire en Santiago, no límite das recomendacións da OMS segundo un estudo

ConBici presenta os resultados dun proxecto no que colabora a USC e que mediu a calidade do aire en 18 cidades españolas durante dous anos