Explicación: aínda se descoñece por que a luz do Sol está a perder algunhas cores. Velaquí están todas as cores visibles do Sol, producidas ao pasar a luz solar ao través dun dispositivo a xeito de prisma. O espectro creouse no Observatorio Solar McMath-Pierce e amosa, de primeiras, que aínda que o noso Sol de aparencia branca emite luz en case toda cor, semella ser máis brillante na luz amarela-verde. As manchas escuras do espectro superior xorden do gas que está en ou por riba da superficie do Sol, que absorbe a luz solar emitida por baixo. Como os tipos diferentes de gas absorben cores diferentes de luz, pódese determinar que gases compoñen o Sol. O helio, por exemplo, foi o primeiro descuberto en 1870 nun espectro solar e só atopado máis tarde aquí na Terra. Hoxe, a maioría das liñas de absorción espectral foron identificadas; pero non todas.