Explicación: son estrelas contra po na nebulosa Carina e as estrelas están a gañar. Máis precisamente, a potente luz e os ventos procedentes das estrelas masivas recén formadas están a evaporar e esparexer as poeirentas garderías estelares nas que se formaron. A aparencia destes piares, localizados na nebulosa Carina e coñecidos informalmente coma monte Místico, está dominada polo po escuro aínda que está composto na maior parte de gas hidróxeno claro. Os piares de po coma estes son en realidade moito máis finos có aire e só semellan montañas polas cantidades relativamente pequenas de po opaco interestelar. A imaxe publicada, a uns 7 500 anos luz de distancia, foi tirada co Telescopio Espacial Hubble e salienta unha rexión interior de Carina que abarca uns tres anos luz. Nuns poucos millóns de anos, probablemente as estrelas gañarán por completo e toda a montaña de po evaporarase.