Explicación: unha das galaxias espirais brillantes visibles no ceo setentrional é M63, a galaxia Catasol. M63, tamén catalogada coma NGC 5055, pode atoparse cun pequeno telescopio cara a constelación dos Cans de Caza (Canes Venatici). Pode ollarse na imaxe publicada polo Telescopio Espacial Hubble o seu centro, ao completo con brazos espirais amplos e longos que brillan en azul por unhas poucas estrelas brillantes novas, nebulosas de emisión que brillan en vermello polo gas hidróxeno ionizado e o po escuro dos numerosos filamentos. M63 interacciona gravitacionalmente con M51 (a galaxia Remuíño) e varias galaxias máis pequenas. Á luz lévalle uns 35 millóns de anos chegar a nós desde M63, e uns 60.000 anos atravesar a galaxia espiral. As estrelas das rexións máis externas da galaxia Catasol rotan ao redor do centro a unha velocidade tan alta que, se fose pola materia ollada e asumindo unha gravidade normal, deberían saír voando ao espazo. Que as estrelas fiquen considérase un indicio de que está presente algún tipo de materia escura, invisible e gravitacionalmente atractiva.