Explicación: a só 11 millóns de anos luz de distancia, Centaurus A é a galaxia activa máis achegada ao planeta Terra. A peculiar galaxia elíptica coñecida tamén coma NGC 5128, que abarca uns 60.000 anos luz, aparece nesta definida imaxe telescópica. Aparentemente, Centaurus A é o resultado dunha colisión de dúas galaxias outrora normais que deron lugar a un fantástico enguedello de cúmulos estelares e grandiosos corredores de po escuro. Preto do centro da galaxia, os refugallos cósmicos sobrantes estanse a consumir paseniñamente por un burato negro central con milleiros de millóns de veces a masa do Sol. Coma noutras galaxias activas, é probable que o proceso produza a enerxía de radio, raios X e raios gamma irradiados por Centaurus A. A imaxe en luz visible, moi fonda, ofrece evidencia adicional da conseguinte violencia cósmica nas capas tenues e os rasgos extensos que arrodean á galaxia activa.