Explicación: un agasallo de aninovo para os prismáticos, mentres comeza o 2016 o cometa Catalina (C/2013 US10) está a atravesar os ceos antes do mencer do planeta Terra preto da brillante Arcturus, a estrela alpha de Bootes (o Pastor de Bois). Pero este mosaico telescópico do 21 de decembro segue as fermosas colas do cometa pasando por un campo de vista tan amplo coma 10 lúas cheas. A sementeira de galaxias afastadas e estrelas febles do fondo están na constelación de Virgo. A cola de po de Catalina, que persegue ao cometa na súa órbita, esparéxese por abaixo e á esquerda do cadro. A súa cola iónica está en ángulo cara a parte superior dereita, á contra do Sol e empurrada polo vento solar. O 17 de xaneiro, o visitante exterior procedente da nube de Oort realizará o seu achegamento máis próximo á Terra, a tan só 110 millóns de quilómetros de distancia, ollándose preto das estrelas brillantes oa longo do mango do Gran Carro.