Explicación: que está a pasar no exterior desta cova? Nada doutro mundo; só a franxa central da nosa galaxia Vía Láctea que está a pasar por diante. Mentre a Terra xira, a franxa da nosa galaxia parece rotar e xirar ao longo do horizonte. A imaxe publicada foi tirada por un fotógrafo que profesa unha paixón pola localización de covas mariñas e que atopou esta espectacular furna no parque estatal Leo Carrillo preto de Malibú, (California, EUA). Despois dalgunha planificación, programou este único disparo ao través da entrada de 10 metros de altura da cova para amosar a Vía Láctea ao lonxe. No primeiro plano, varias rochas de aproximadamente un metro de diámetro son visibles. Pode ollarse no fondo unha paisaxe estelar de millóns de estrelas que inclúen a relativamente brillante e laranxa Antares, situada xusto á dereita do centro da imaxe.